Friday 29 de March de 2024

A Xunta promove o uso da madeira galeda como elemento estrutural en 56 vivendas e locais comerciais da provincia da Coruña


Estes apoios, enmarcados no Plan de reactivación e dinamización, permitirán a mobilización de 7M€ durante a súa construción

A Xunta apoia un total de 88 iniciativas na provincia da Coruña para o desenvolvemento de obras, produtos, e proxectos realizados con madeira, unha nova orde de axudas pioneira en Galicia e que se enmarca no Plan de reactivación económica.
En total, o Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, inviste na provincia coruñesa 861.585 euros nesta iniciativa. De feito, trátase da provincia na que se apoian máis proxectos (en concreto, a metade, 88 de 175 en total) e á que se destina un maior orzamento (52,4% da contía global para Galicia). Entre outras iniciativas, favorecerase o uso da madeira local en 56 edificacións. En concreto, servirá como elemento estrutural en 48 vivendas e oito locais comerciais, o que permitirá mobilizar 7M€ durante a súa execución. Deste xeito, benefíciase non só aos promotores e empresas que impulsan os proxectos, senón tamén aos profesionais –arquitectos, enxeñeiros e deseñadores ou empresas de carpintería– que os desenvolvan.
Este programa da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) conta con catro liñas de axudas. Por unha parte, para a redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Esta liña atenderá as oito solicitudes xa sinaladas. Por outra parte, haberá cinco apoios a proxectos para o desenvolvemento e fabricación de envases, embalaxes ou expositores realizados con madeira. Unha terceira liña permitirá a redacción dos 48 proxectos de execución de novas vivendas unifamiliares ou rehabilitación e reconstrución. Por último, favorecerase a realización de 27 obras de reforma ou
acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos en madeira.

As axudas enmárcanse no Plan de reactivación económica e, en concreto, no obxectivo de impulsar a transformación da economía e a industria da Comunidade, potenciando a Galicia verde e rural. Ademais están en liña coa Axenda da industria forestal 2019-2021 que pretende que os produtos forestais actúen como elemento central para fomentar a bioeconomía, utilizando a madeira como elemento de orixe natural, reciclable e reutilizable.
Deste xeito, este programa de apoios servirá para fomentar a demanda de produtos de madeira, tendo en conta a utilización de elementos locais e tamén a protección medioambiental, favorecendo así a neutralidade climática.
Galicia trata de converterse nun referente no uso da madeira no sector da construción. Precisamente, co obxectivo de fomentar a transformación industrial e unha economía máis verde, tal e como recolle a propia Unión Europea nos seus fondos europeos de reconstrución Next Generation, entre as 108 primeiras solicitudes presentadas pola Xunta de Galicia a este programa europeo de axudas está a construción de vivendas con madeira.